O próximo sábado día 5 de outubro, celebraremos o IX aniversario do noso Coro O Coto e o II aniversario do coro “Coto Xove” (o noso coro de nenos) cun concerto de corais no Auditorio do C.C.R. de Cabral (Becerreira) ás 19:30 h. e nel participarán:
A Coral San Esteban, o Coro Cantos de Liberdade e os nosos coros “O Coto” e “Coto Xove”.
O Coro O Coto, da Asociación Cultural O Coto de Carballal, fixo a súa presentación en outubro de 2010 e dende entón segue a medrar musicalmente pasiño a pasiño. Está formado por 43 voces mixtas e pertence a ACOPOVI dende marzo de 2013 participando dende entón nos numerosos concertos que organiza esta asociación.
Outros Concertos: En Laias, O Rosal, Entenza, A Cañiza, Guillade.
Participou nas “Galas Corales 2015” en Xixón, organizadas pola Agrupación Coral San Antonio.
No 2018, participou nun concerto coral na Igrexa Santa Eulalia de Luarca, organizado pola Coral Santa Eulalia de Luarca.
Os ensaios realízanse os martes de 21:00 a 23:00 h. no Colexio Carballal.
Dende o seu inicio, este coro está dirixido por Javier Alonso Pérez, Licenciado en Música na especialidade de violonchelo e cunha grande traxectoria musical; pero, ante todo, é unha grande persoa, con moitísima paciencia e unhas enormes doses de sentido do humor, que fai posible que os ensaios sexan moi agradables; en definitiva, o artífice do progreso paulatino nos nosos ensaios e actuacións e da ilusión e entusiasmo cos que seguimos dende o inicio.
Animamos a todos aqueles aos que lles guste cantar, que se unan a nós.
O Coro “Coto Xove” é dirixido tamén por Javier Alonso. Este coro fixo a súa presentación en abril de 2017.
Ten participado en diversos concertos en Vigo e Gondomar.
En decembro de 2018 participou, xunto a outros dous coros de nenos de ACOPOVI, no concerto que ofreceu a “Orquesta de Instrumentos Reciclados de Cateura” no Mar de Vigo.
Os ensaios son os luns de 19:00 a 20:00 h. no Colexio Carballal.
Animamos a todos os nenos a partir de seis anos a que veñan probar sen compromiso algún; garantíndolles que o van pasar estupendamente.
Animamos, sobre todo, aos pais para que lles dean a oportunidade aos seus fillos de probar unha nova actividade, da que estamos seguros van gozar enormemente.
¡ Trae ao teu fillo calquera luns ás 19:00 h ao Colexio Carballal e deixa que probe!
Máis información: 622 280 160
JAVIER ALONSO PÉREZ
Javier Alonso Pérez estuda violonchelo na Escola de Música Profissional de Viana do Castelo (Portugal) e no Conservatorio superior do Conservatorio de Vigo. Complementa a súa formación con profesores como Iminas Kutcinkas, David Etheve, Dalibor Sebestik, Dna. Bárbara Switalska entre outros.
Foi profesor de linguaxe musical, educación auditiva, coro, orquestra e violonchelo en diferentes escolas de música e conservatorios. Tamén formou parte de diferentes orquestras sinfónicas e de cámara. No ano 2002 dorma parte do “Trío Primo Tempo” co que obteñen, en xuño de 2003, o 1º premio no “III Certamen de Música de Cámara para Jóvenes Centenario de Jesús de Monasterio” celebrado en Santander.
Estuda dirección con mestres de recoñecido prestixio internacional e remata o Master en dirección no Conservatorio de Maastricht, Holanda, co Maestro Jan Cober.
Na actualidade é director titular do Coro “Ars Cantorum”, do Coro “O Coto” e da Agrupación Musical de O Rosal.