DÍA DO DEPORTE - 50 ANIVERSARIO COLEXIO CARBALLAL

Publicado por secretaria o Mar, 28/05/2019 - 13:46

DOMINGO 9 DE XUÑO DENDE AS 11:00 H. CELEBRARASE O DÍA DO DEPORTE, ONDE SE DARÁN CITA 50 ANOS DE HISTORIA DEPORTIVA DO COLEXIO CARBALLAL.

O CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral, galardoado este ano como "vigués distinguido" polo concello de Vigo, está celebrando este ano o seu 50 aniversario.

Dentro da súa historia é de destacar o espírito deportivo alentado polo persoal docente que pasou polo centro. Este espírito arraigou no alumnado e deu lugar a equipos e sociedades deportivas, algunha das cales aínda segue activa na actualidade.

Co fin de facer lembranza daquel espírito, recoñecemento dos seus logros e como inspiración ás novas xeracións, as entidades máis directamente relacionadas co centro (O propio centro, A Asociación de Nais e Pais “Cernades” e a Asociación Cultural “O Coto”) decidiron organizar conxuntamente o “Día do deporte do 50 Aniversario do CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral” o domingo día 9 de xuño de 2019.

Ese día está previsto realizar prácticas deportivas que tiveron certo arraigo no centro e entrevistas a protagonistas da historia deportiva do Carballal.

A xornada dará comezo cun cross-andaina popular polo circuíto histórico polo que adestraban os rapaces. A proba dará comezo no aparcamento do colexio e rematará na pista deportiva.
Haberá demostración de diferentes disciplinas deportivas onde se xuntarán practicantes dos inicios do colexio con practicantes actuais.
Ademais haberá un panel onde se mostrarán fotos que recordaran estas actividades.