VIII ANIVERSARIO DO CORO "O COTO" E I ANIVERSARIO DO CORO "COTO XOVE"

Publicado por secretaria o Ven, 19/10/2018 - 14:23

Con motivo do VIII Aniversario do Coro Polifónico "O Coto" e o I Aniversario do Coro "Coto Xove" (o noso coro de nenos), celebraremos un concerto no C.C.R. de Cabral (Becerreira) o próximo sábado 27 de novembro ás 19:30 h.

Participarán:
- O Orfeão de "SAN PEDRO DA COVA" DE GONDOMAR (Portugal).
- A Coral "SANTA EULALIA" DE LUARCA (Asturias).
- O Coro "O COTO".
- O Coro "COTO XOVE".

O Coro O Coto, da Asociación Cultural O Coto de Carballal, fixo a súa presentación en outubro de 2010 e dende entón segue a medrar musicalmente pasiño a pasiño. Está formado por 43 voces mixtas, forma parte de ACOPOVI e os ensaios realízanse os martes de 21:00 a 23:00 h. no Colexio Carballal.
Dende o seu inicio, este coro está dirixido por Javier Alonso Pérez, Licenciado en Música na especialidade de violonchelo e cunha grande traxectoria musical; pero, ante todo, é unha grande persoa, con moitísima paciencia e unhas enormes doses de sentido do humor, que fai posible que os ensaios sexan moi agradables; en definitiva, o artífice do progreso paulatino nos nosos ensaios e actuacións.
A Javier débeselle toda a ilusión e as ganas coas que seguimos dende o inicio, que fai que nos manteñamos unidos como grupo.
Animamos a todos aqueles aos que lles guste cantar, que se unan a nós.
O Coro “Coto Xove” é dirixido tamén por Javier Alonso. Este coro fixo a súa presentación oficial en outubro de 2017.
Os ensaios son os martes de 19:00 a 20:00 h. no Colexio Carballal.
Animamos a todos os nenos a partir de seis anos a que veñan probar sen compromiso algún; garantíndolles que o van pasar estupendamente.
Animamos, sobre todo, aos pais para que lles dean a oportunidade aos seus fillos de probar unha nova actividade, da que estamos seguros van gozar enormemente.
¡ Trae ao teu fillo calquera martes ás 19:00 h ao Colexio Carballal e deixa que probe!
Máis información: 622 280 160

JAVIER ALONSO PÉREZ

Javier Alonso Pérez comezou os seus estudos musicais da man de seu pai ós 4 anos de idade. Estudou violonchelo na Escola de Música Profesional de Viana do Castelo, en Portugal, con Dna. Petia Samrdjeva, e no conservatorio superior de música de Vigo con Fernando Arenas, Mª Jesús Hervás, Marina Barba Dávalo e Álvaro Quintanilla. Realizou cursos de especialización con Barbara Switalska, Iminas Kutcinkas, David Etheve, Dalibor Sebestik... Foi membro e colaborador de diferentes agrupacións sinfónicas como a Xoven Orquestra de Galicia, APROARTE (Portugal), Orquestra Filarmónica de Pontevedra ou a Orquestra Divertimento de Ponteareas. Formou parte, tamén, do “Trío Primo Tempo” co que obtén o 1º Premio no Concurso Nacional de Música de Cámara “Jesús de Monasterio” celebrado en Santander no ano 2003.

Músico nacido no seo da Agrupación Musical do Rosal, foi profesor de violonchelo, percusión, linguaxe musical ou conxunto instrumental en diferentes escolas de música como a da propia banda Rosaleira, Agrupación Musical de Belesar, Ateneo Musical de Bembrive e a Escola Municipal de Música do Porriño.

No campo da dirección cabe destacar o seu traballo ó fronte de diversas corais galegas, como a Coral “Alborada” de Cabral, Coral Municipal e Coro Passionato de Tomiño e Coro Polifónico de Entenza. Na actualidade dirixe tres formacións corais: a Coral “Ars Cantorum” de Guillade, en Ponteareas, o Coro Polifónico “O Coto” e o coro “Coto Xove”. Foi director da Banda de Música de Sanxenxo entre 2015 e 2018.

Estuda dirección de banda e orquestra con grandes mestres do panorama europeo como José Rafael Pascual Vilaplana, David Fiuza, Franco Cesarini, Jan Van Der Roost, José Vicente Egea, Javier Viceiro ou Ferrer Ferrán. Na actualidade cursa estudos de Master en Dirección de Banda no Conservatorio de Maastricht, Holanda, co Mestre Jan Cober.